GAL | ESP

Horario: 9:00 a 14:00 | Contacta

 

Casa do Concello


A Casa do Concello é a casa de toda a cidadanía. Nela desenvolven o seu traballo o funcionariado do Concello e a representación da cidadanía elixida nas eleccións municipais. Compételle ao Concello o goberno e a administración do municipio, así como inspeccionar e impulsar os servizos que satisfagan as necesidades da cidadanía. Ademais, a Casa do Concello dispón de instrumentos de seu para a integración da cidadanía nos asuntos de Cortegada. Na Casa do Concello conviven órganos consultivos con outros de carácter executivo, como os que afectan á seguridade da cidadanía, a ordenación do tráfico de vehículos, a xestión urbanística ou a protección do medio.

 

 

O edificio "Escuelas República Argentina"

 

O edificio de Escolas «República Argentina» de Cortegada foi inaugurado no ano 1935. Desde a súa orixe, nace cun programa mixto que pretende responder á necesidade dotacional dun pequeno núcleo urbano, non constituíndo, por tanto, un exemplo exclusivo de arquitectura docente, como viña sendo habitual nestes casos.

 

O promotor, Guillermo Álvarez Pérez, proveniente da Arxentina, constrúe un edificio que responde en planta á forma trapezoidal da parcela e en sección salva o desnivel recorrendo a unha base pétrea que illa o edificio do contacto directo co chan e permite mesmo o uso de parte deste espazo como semisoto cando a altura o permite.

 

A localización é, por tanto, fundamental na configuración formal do edificio, que se constrúe en paralelo ao desenvolvemento urbanístico e social da vila, baseado, en parte, na oferta do balneario situado á beira do rio Miño, próximo ao núcleo urbano.

 

O complexo dotacional acollía funcións docentes con dúas aulas, espacios administrativos do Concello e o xulgado na planta baixa e dúas vivendas para mestres/as e casino na planta alta.


É precisamente a situación da parcela e o variado programa funcional o que determina que o edificio trate as catro fachadas sen marcar unha clara xerarquía. Pódese, porén, recoñecer como alzado principal o lado oeste que se corresponderla co acceso á zona administrativa, pola composición coidada dos ocos e o remate superior cun frontón.

 

A construción do edificio lévase a cabo con grandes pezas de cantaría que conforman os catro muros exteriores dous eixes fundamentais de carga estrutural que cruzan o volume en perpendicular en forma de muros medianeiros. A apertura de ocos responde a un programa funcional variado con clara vontade de aproveitamento da luz natural cunha composición coidada e de aparente regularidade.

 

É na fachada principal onde as aperturas da parte central se singularizan a través do remate superior en forma de arco, con cercados que mostran unha vontade decorativa. O balcón ten presenza na planta alta das tres fachadas máis expostas, formalizado en diferentes formas, segundo o carácter representativo de cada alzado. Deste xeito, é no alzado principal onde alcanza un maior protagonismo potenciando o corpo central de tres ocos, tanto polas súas dimensións como polo coidado do traballo da varanda de ferro e os canzorros de pezas de cantaría.

 

Este conxunto remátase superiormente cun frontón de base triangular formalizado con formas rectangulares que rompen os lados con contundentes ángulos rectos, protagonizado por un reloxo e corado cunha campá, símbolos ineludibles de edificación pública.

 

Na actualidade este edificio atópase fortemente transformado. En consonancia coa variedade de usos orixinais, nestes momentos funciona como concello, xulgado e biblioteca.

Edificio de dúas plantas e baixocuberta de forma trapezoidal, construído en cantaría sobre unha base de pedra para salvar o desnivel do terreo, que se aproveitou como semisoto. Dende a súa creación tivo unha clara funcionalidade polivalente: ademais de escola debía servir como vivenda dos mestres/as e sede de varias dependencias administrativas da vila, como o xulgado, o concello e o casino.

 

Nas catro fachadas destacan como elementos decorativos as balconadas e os acabamentos das numerosas fiestras. A fachada principal, actual entrada do concello, remata nun frontón de base triangular, onde se colocou un reloxo, coroado por unha campá. Na fachada posterior, no seu momento fachada de acceso da escola, figura unha inscrición en pedra coas palabras «ESCUELAS REPÚBLICA ARGENTINA». Noutra das fachadas, actual entrada á biblioteca municipal, colocouse unha placa conmemorativa en lembranza do filántropo promotor do edificio, D. Guillermo Álvarez, coa seguinte lenda: «Homenaje de gratitud a la memoria del Ilustre Hijo de Cortegada, Excmo. Sr. D. Guillermo Álvarez Pérez, benefactor de este municipio. MCMXXXV». Na planta baixa estaban situadas dúas aulas, unha para nenos e outra para nenas, e diversas dependencias separadas, para o xulgado e o concello.

 

No primeiro andar estaban as dúas vivendas dos mestres/as, divididas por un vestíbulo, e os salóns do casino. O faiado ou baixocuberta daba acceso ao reloxo. A luz eléctrica instalouse no edificio pouco despois da súa inauguración, cando chegou á vila. Actualmente o edificio está moi cambiado, sobre todo no interior, tras as numerosas reformas feitas ao longo do tempo e o cambio na súa funcionalidade.


Nacemento

Cortegada no ano 1867

Finamento

Buenos Aires, o día 6 de outubro de 1929.​

Movimiento:

Modernismo

Pai:

Manuel Álvarez Vergara

Emigrou a Buenos Aires en 1885, para unirse alí ao seu pai Manuel Álvarez Vergara e o seu irmán Alfredo Álvarez Pérez. Traballou como obreiro da construción e formouse como arquitecto, realizando gran parte da súa obra na cidade de Buenos Aires, especificamente nos barrios de San Cristóbal, Constitución, Monserrat e Balvanera. Construíu co seu irmán Alfredo a Embaixada de España en Buenos Aires, entre outras obras representativas do denominado Modernismo.

 

Foi socio do Centro Gallego. Grazas á súa amizade co conde de Bugallal, doou para o seu natal Cortegada escolas, xulgado de paz, correos e telégrafos e estradas. Contribuíu a sufragar os gastos destas instalacións, principalmente a construción do edificio do Concello, xulgado, escolas e vivendas para mestres. No seu testamento deixou 100.000 pesetas para repartir entre os pobres do concello, 150.000 para construción da Casa do concello e da escola, e 3.000 pesetas para arranxo da praza. Foi condecorado por Alfonso XIII coa Gran Cruz de Isabel a Católica.

 

Na cidade de Buenos Aires realizou unha serie de obras de diversas escalas. Son especialmente destacables a denominada "Torre da pantasma", no barrio da Boca, o Hotel Delicia (situado en Solis 1449), e o edificio de vivendas situado en Avenida Entre Ríos 974, construído en 1930. A súa obra caracterízase por un estilo marcadamente persoal, con recorrencia de certos remates e ornamentos únicos.

 

En Cortegada, hai unha rúa co nome de Irmáns Álvarez. En homenaxe á súa achega, construíronse uns xardíns, onde instalaron un busto, obra de Francisco Asorey.

O edificio das escolas da República Arxentina, rematado no ano 1935, é unha das construcións máis emblemáticas da vila da época da Segunda República. Desde o seu inicio, concibiuse como un espazo multifuncional, respondendo ás necesidades dunha comunidade en crecemento. Albergaba ao mesmo tempo a escola local, o casino punto de encontro e lecer da veciñanza e a sede do concello, concentrando así a vida educativa, social e administrativa nun único inmoble.