GAL | ESP

Horario: 9:00 a 14:00 | Contacta

 

Apuntes históricos de Cortegada


6.- Os axitados tempos da Segunda República.

Cando o 14 de abril coñeceuse que as candidaturas antimonárquicas triunfaran nas grandes capitais do Estado, os republicanos galegos saíron á rúa nas principais vilas e cidades e proclamaron a República nun ambiente festivo, sen que se rexistrasen significativas alteracións da orde. Na Galicia rural, ante a ausencia de grandes mobilizacións populares, houbo que esperar a que outras instancias tomasen a iniciativa. En vésperas da convocatoria electoral algúns concellos viran como se improvisaban reducidos comités republicanos que agora, consumada a vitoria, van constituír os primeiros apoios do réxime no ámbito local.

 

Nestes casos a fórmula máis repetida foi a de presentar protestas e reclamacións ou argumentar que a presión caciquil había impedido a celebración dos comicios por aplicación do famoso artigo 29, que dispoñía a proclamación inmediata dos candidatos cando o número de postos a cubrir fose igual ao dos presentados. A continuación, un delegado gubernativo encargábase de destituír á xestora monárquica en funcións e nomear unha nova con ampla presenza de representantes do devandito comité. A súa principal misión era preparar as novas eleccións nas que, case invariablemente, obterían a vitoria. Con demasiada frecuencia, alí onde non existían “republicanos incontaminados”, as autoridades houberon de apoiarse nas estruturas preexistentes controladas por algún dos bandos políticos enfrontados para achar un interlocutor válido; noutros casos foron os propios xefes destes os que buscaron acomodo na nova situación, adxudicándose etiquetas nas que diluír o seu anterior compromiso e gañarse deste xeito o favor do poder central.

 

Así, na provincia de Ourense, a capacidade de readaptación dos antigos notables vinculados aos partidos monárquicos leva a moitos a achegase aos seguidores de Alejandro Lerroux, o histórico líder republicano que por entón representaba a posición máis “tépeda” entre os vencedores de abril. Tal é o que acontece en Cortegada, onde desde xuño de 1931 a corporación queda integrada por nove concelleiros do Partido Republicano Radical (PRR) e outros dous que se definen como “nacionalistas autonomistas”. Esta será unha constante ao longo de todo o período republicano: os equilibrios de poder local, excepto naqueles casos onde houberon de repetirse as eleccións en maio de 1931 ou se celebraron novos comicios en abril de 1933 para cubrir as vacantes deixadas polos monárquicos, responden os vaivéns e á relación de forzas que impón a alta política estatal. Nas cidades e en contadas vilas, a crecente complexidade organizativa dos partidos impón algunhas limitacións ao permanente cambio de adscrición política, pero en todo o rural, os notables locais non teñen maior empacho en adaptarse a calquera eventualidade; e non son tampouco maiores os escrúpulos dos representantes das principais formacións, que os reciben cos brazos abertos, conscientes de que alí onde a política non está organizada é inútil tratar de prescindir deles.

 

Durante o primeiro trienio republicano a vida política local non rexistra grandes sobresaltos. O máis destacable parece ser o proceso de crise interna da Organización Republicana Galega (ORGA) e a recomposición política no seo do nacionalismo galego, que leva aos seus dous solitarios concelleiros en Cortegada a abandonar o partido e a declararse, xa en outubro de 1932, “republicanos independentes”. Tampouco se deixaron sentir especialmente os ecos da revolución de outubro de 1934: a folga de solidariedade convocada por socialistas e comunistas non consta que tivese apenas seguimento, as forzas da orde patrullaron as principais vías de comunicación e, en xeral, a tranquilidade foi a nota dominante.

 

As cousas non tardarían en mudar de forma significativa. O primeiro indicio de que a “placidez” que caracterizara a vida política local chegara ao seu fin produciuse con ocasión da formación de dous bloques antagónicos claramente diferenciados tras a convocatoria das eleccións lexislativas de febreiro de 1936. Só os manexos caciquiis desde a presidencia do Goberno, en mans do centrista Portela Valladares, posibilitaron que nalgunhas seccións rompese o monopolio das dúas grandes listas enfrontadas e os candidatos de centro non resultasen engulidos polos extremos.

 

Así ocorreu en Cortegada, que, con todo, non foi inmune ao proceso de radicalización que vivía o país. En efecto, a pesar do dominio incuestionable das dereitas e do Centro Portelista, houbo varios casos nos que se fixo uso da violencia para intimidar aos representantes das esquerdas. Sen ir máis lonxe, un grupo duns quince homes, dous deles gardas xurados armados con carabinas, escoltaron ao presidente dunha mesa electoral ata o domicilio do secretario do concello para realizar alí o escrutinio e impediron pola forza que os acompañasen os apoderados da esquerda. Noutra das seccións do concello, o interventor do Bloque das Esquerdas, Juan Filarmino Blanco Valeije, “foi acometido e ferido cunha navalla barbeira polo concelleiro e habilitado do Maxisterio Rogelio Arias”, e nunha terceira, cada vez que o apoderado Eligio Núñez formulaba unha protesta ameazábaselle cunha malleira sen atender en absoluto as súas reclamacións. Pero as coaccións non só viñeron do Bloque Antirrevolucionario: en Rabiño, Blanco Valeije tentou por todos os medios impedir que os electores considerados de dereitas puidesen votar; coñecedores do feito, os falanxistas de Cortegada acudiron ao colexio electoral e puxeron en fuga ao esquerdista.

 

Tras a vitoria da Fronte Popular, toda a comarca do Ribeiro experimenta un proceso de radicalización política sen precedentes que vén acompañado dos cambios operados na cúpula do poder local. As alcaldías recaen sobre todo en homes vinculados a Esquerda Republicana, pero cunha importante presenza de socialistas e dirixentes das sociedades agrarias e sindicatos de oficios varios. A esquerda obreira, grazas ao seu control destes últimos, tenta impoñer aos patróns novas bases de traballo para os xornaleiros que pasan por un incremento dos salarios e unha redución da xornada laboral. Aínda máis prioritario para eles era aumentar o seu control sobre o mercado de traballo, obrigando aos propietarios para contratar soamente a obreiros sindicados, o que sería unha inesgotable fonte de conflito durante os meses que preceden á guerra civil.

 

As dereitas, pola súa banda, fomentan a creación de seccións locais de Falanxe e financian xenerosamente aos seus membros para que lles sirvan de protección fronte aos que consideran “excesos” dos esquerdistas. Pero tamén o fan para alimentar e manter viva unha estratexia de tensión e de alteración da orde pública que vaia creando o caldo de cultivo necesario para impoñer unha solución de forza que permitise rectificar o resultado das urnas.

 

Cortegada non resulta inmune a este proceso. Máis ben constitúe un exemplo paradigmático do que está a suceder en tantas localidades do Estado. No concello existía un activo núcleo falanxista organizado ao redor do avogado natural de Louredo José Luis Vázquez García, o xefe local no momento de producirse a sublevación militar, e de Juan González Fernández, fillo do capataz de camineros Perfecto González López. Os esquerdistas, como vimos, tiñan o seu feudo na Sociedade de Oficios Varios de San Bieito de Rabiño, impulsada polos irmáns Blanco Valeije. Os cambios na xestora municipal permitiron a J. F. Blanco facerse cunha das tenencias de alcaldía do concello, o que aproveitou para tentar reducir aos falanxistas e máis caracterizados dirixentes locais das dereitas, aos que sometía a continuos rexistros domiciliarios. No mes de abril, con motivo da morte do concelleiro esquerdista Manuel Pereiro, afogado accidentalmente no río cando o perseguían os carabineiros, organizouse unha gran manifestación que acompañou o cadáver desde o Miño ata a igrexa de Filgueira. A marcha ía presidida pola bandeira vermella mentres os asistentes, a maioría deles armados con pistolas, daban os consabidos “vivas” a Rusia co puño no alto e lucían nas lapelas lazos desta cor.

 

Pero o enfrontamento de máis gravidade produciríase o día 3 de maio cando Blanco Valeije e varios concelleiros e simpatizantes esquerdistas dispararon a un grupo de falanxistas entre os que se atopaban os xa citados J. L. Vázquez e J. González, Emilio Pérez Rivera, Luis Alonso, Perfecto Viso, Joaquín Pintos Morais e outros varios ata un total de once. Postos en fuga os agresores, seguiron disparando contra os falanxistas que os perseguían desde unha vivenda inmediata e a casa de Telégrafos. O incidente motivou a intervención da Garda Civil do posto de Ribadavia e culminou coa detención, esa mesma tarde, de once falanxistas e do presidente da Sociedade de Rabiño. Os detidos quedaron a disposición gubernativa e posteriormente o asunto pasou aos Tribunais de Urxencia ata que foi sobreseído definitivamente ao producirse a sublevación militar. Tamén se produciron varias deportacións.

 

Tampouco faltaron os clásicos problemas co clero local: cando a romaría de Cortegada, os elementos esquerdistas pretenderon evitar que a santa saíse en procesión, pero o propio Álvarez Carpinteiro, que entón exercía as funcións de alcalde por ausencia do titular, Manuel Alonso, mediou para que o acto puidese celebrarse sen máis incidentes.