GAL | ESP

Horario: 9:00 a 14:00 | Contacta

 

Apuntes históricos de Cortegada


4.- Cortegada na Idade Moderna

Cando frei Benito da Cova escribe o seu libro antes citado, ao redor dos anos 30-40 do século XVII, di (p. 264) que o mosteiro ten nestes cotos uns 400 vasallos, que lle representan un xuíz e un escribano para administrar xustiza, e un prior e un monxe sacerdote para ocuparse das rendas e dos santos sacramentos, respectivamente. As rendas da Vestuaria, “un ano con outro, con luctuosas e penas de cámara”, di o noso autor, alcanzaría a cifra de ao redor de 1000 ducados anuais. San Benito, cuxa parroquia albergaba unha imaxe do santo moi frecuentada polos seus moitos milagres, achegaría un beneficio de 600 ó 700 ducados cada ano de renda.

 

No Catastro do Marqués do Enseada, en 1753, os veciños que logo compoñerán no XIX o Concello de Cortegada figuran pertencentes á xurisdición de Refoxos, a cal se compoñía de dúas poboacións:


1) San Benito da Arnoia (logo de “Rabiño”, palabra contracta que quere dicir “á beira do Miño”), á que pertencían 12 lugares, entre eles Cortegada.


2) Bestuaria (ou Vestiaria), que constaba de 35 lugares.


Ambas as poboacións eran nesta época de Señorío e pertencían xa todas ao Mosteiro de Celanova (Ou.S.Benito), ao que, ademais dos correspondentes foros, pagaban os cabezas de casa e as viúvas que sobrevivían sete anos aos seus maridos a luctuosa, que viña ser a mellor alfaia que quedaba ao falecemento do home, ou femia, e que entón xa estaba regulada en 30 reais ao ano en Bestuaria e 18 en S. Benito de Arnoia.

 

A poboación que nos proporciona o catastro para mediados do século XVIII é de 481 veciños para a Bestiaria e 204 para San Benito, (dos cales 35, isto é, uns 160 habitantes pertencían ao lugar de Cortegada) o que nos dá un total de 685 veciños, que aplicándolle un coeficiente de 4,5 daríanos unha poboación total ao redor dos 3000 habitantes. Tamén nos indica o tipo de produción agrícola e o número de animais que tiñan, aspecto interesante para coñecer o seu modo de supervivencia. Cultivábase trigo, centeo, millo, millo miudo (mijo), liño, viño, castaña, froitas, patacas, legumes e hortalizas. E dispoñían de 109 bueyes, 185 vacas, con 47 crías de tenreira, 2038 ovellas con 253 cordeiros e 167 carneiros, e 997 porcos, cabana pecuaria que parece suficiente para o abastecemento desta poboación.