CASAS NIÑO
Que son as casas niño?
As casas niño son un modelo de atención á infancia de cero a tres anos adaptado ás características dos concellos do ámbito rural de Galicia nos que, pola súa escaseza de poboación, non resultan viables os modelos tradicionais de servizos de atención á primeira infancia.
O servizo, que se presta por medio de profesionais autónomos ou cooperativas de traballo asociado, pode estar emprazado no domicilio da persoa titular ou nun local propio, cedido ou alugado ao efecto. En ambos casos a infraestrutura que da soporte á casa niño deberá estar acondicionada de acordo aos requisitos establecidos nas bases da convocatoria de axudas polas que se crea este recurso, formulados de acordo cos parámetros de deseño dos espazos educativos para menores de tres anos.
Que servizos prestan?
As casas niño ofrecen unha atención integral e personalizada a un máximo de cinco nenos e nenas en idades comprendidas entre os tres meses e os tres anos de idade. Esta atención, organizada baixo criterios de flexibilidade, combina os tempos destinados ás rutinas do sono, da comida, da hixiene propia con outros destinados a actividades específicas segundo as características dos nenos e das nenas, de maneira que ambos os dous se complementen e sirvan para afianzar todas as aprendizaxes que fan posible o desenvolvemento integral e harmónico dos nenos e das nenas nos distintos planos físico, motor, emocional, afectivo, social e cognitivo, en estreita colaboración coas familias.
O servizo desenvólvese con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna de luns a venres durante todo o ano, agás os días festivos e un mes de cada doce no que a casa niño permanece pechada por vacacións. As familias poden levar os nenos e nenas un máximo de 8 horas diarias nun horario flexible que se pactará co/coa profesional que desenvolve o proxecto. A atención prestada comprende tamén o servizo de cociña que consiste na preparación final dos alimentos elaborados previamente polas familias e achegados diariamente á casa niño para o seu consumo no momento do comedor.
Quen pode asistir a unha casa niño?
Os nenos e as nenas empadroados en Cortegada ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata tres anos de idade e acreditar o cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.
Que teño que facer para inscribir o meu fillo ou filla nunha casa niño?
Cortegada conta na actualidade con dúas casas niño: "Axóuxere", emprazada na rúa do Quinteiro e "Ruxerruxe", na rúa Estrada de Celanova. Para poder anotar ao neno ou nena só hai que poñerse en contacto con unha destas dúas casas niño:
- Casa Niño Axóuxere: 637 066 636